Se buscas un prato con sabor picante e moito carácter, recomendámosche probar o noso solombo de polo en salsa arrabbiata.
Este mollo italiano leva tal nome porque pica que arrabea: a súa deliciosa combinación de tomate e caiena é capaz de acender calquera padal. Para regular o punto de picante, lembra que podes reducir a cantidade de caiena e mesmo cociñala enteira e retirala antes de servir.
Alén de ser unha receita chea de sabor, é tamén unha opción saudable e proteica. O solombo de polo ten unha carne magra e baixa en graxas saturadas, ideal para os que queren mirar pola saúde sen sacrificaren o sabor nos pratos.
A que esperas para probalo?
Elaboración
- Pelar e relar a cebola e os dentes de allo. Reservar.
- Cortar superficialmente unha cruz nos tomates pola parte de abaixo do pedúnculo. Reservar.
- Ferver abundante auga con sal nunha ola e engadir os tomates. Escaldar durante 2 minutos e cortar a cocción con auga fría e xeo. Pelar, picar en dados pequenos (brunoise) e reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir a cebola cos allos a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co viño tinto e coa salsa de soia.
- Incorporar os tomates picados e a caiena esmigallada. Mesturar e cociñar durante 20 minutos a lume baixo. Rectificar as especias ao gusto.
- Engadir unhas follas de alfábega e deixar refogar durante un par de minutos máis. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cocer os solombos de polo cun pouquiño de herbas provenzais, sal e pementa a lume medio.
- Para empratar, servir os solombos de polo en salsa arrabbiata nun prato e decorar cunhas follas de alfábega fresca.